OS ANCARES, UN ESPAZO RURAL TRADICIONAL DE MONTAÑA QUE LOITA POLO SEU FUTURO.

Benvidos a todas e a todos!
Este blog reálizase ao abeiro dun pequeno traballo de investigación que se nos plantexa aos alumnos de "Xeografía Rural e as súas aplicacións" durante o 4º curso da licenciatura de Xeografía da USC.
No caso deste blog centrareime no entorno rural dunha das paraxes, ao meu parecer, máis bonitas e ricas paisaxística, culturais, ecolóxica e ambientalmente de Galicia, da Península Ibérica e de toda a fachada Atlántica Europea.
Sen embargo, os fortes procesos de cambios sociais, económicos, e demográficos experimentados no país durante o século XX provocan que os espazos rurais teñan que mudar estruturalmente e reinventarse para poder ser un territorio de oportunidade con futuro. O entorno dos Ancares, coas súas singularidades, non queda alleo a esta realidade.

Por iso, intentarase analizar a realidade dun espazo inigualable, e expoñer unha serie de propostas que manteñan un espazo sostible como o era 100 anos atrás.

Ademais, a discusión e o debate público e aberto, é o principal obxectivo desta pequena ventá, sempre dende o respecto e a riqueza que permiten a visión e opinión de todos aqueles axentes interesados polo rural e pola súa pervivencia, enriquecendo a fin que busca un traballo deste tipo.

Xa para rematar, facer fincapé en que a lingua utilizada no blog será o galego, lingua oficial do de Galicia xunto co español, e que pola realidade vital de uso que está a vivir cun perigo de extinción existente necesita do seu uso en tódolos medios e ámbitos; e internet e a ciencia son eidos claves nos que debe avanzar. Pero sobre todo, porque é a lingua maioritaria do medio rural galego, e particularmente, dos Ancares.

Non cabe dúbida que se respetará o uso de calqueira outra lingua, e que a xente poderá usar o idioma que crea convinte para expresarse.

Agardo que con isto aprendamos algo máis.

Un saúdo agarimoso.

Efrén.

martes, 26 de abril de 2011

¿Sabedes cal foi e onde se constrúe o primeiro establecemento turistico-rural de Galicia?

Fai 41 anos (no verán de 1970) nace de xeito oficial en Galicia o primeiro establecemento con orientación ao turismo-rural. Establécese nun dos lugares máis periféricos e inaccesibeis do país pola súas características topográficas, na serra dos Ancares, área montañosa limítrofe coa comarca do Bierzo ao NO de León e coas elevación do extremo SO da coordilleira cantábrica asturiana. No concello de Cervantes, a 1350 metros sobre o nivel do mar na chamada “campa de Fieiró” moi preto da pequena aldea de Degrada.
O albergue de Ancares.
Son varios anos de historia para o primeiro establecemento de turismo rural de Galicia, e por suposto dos Ancares, e un dos primeiras políticas con orientación á explotación turística dos espazos rurais, políticas que mudarán de forma radical as actividades tradicionais que existían nestes espazos dende épocas romanas e prerromanas.
O albergue supón xa unha importante parte na historia máis recente da comarca dos Ancares. Os fins orixinais da súa creación, a evolución e a adaptación a novas tendencias ao longo de catro décadas, os numerosos problemas de xestión que provocaron reiteradamente o seu peche dende os últimos 10 anos, o presente  e o futuro dun establecemento histórico coma este será obxecto de análise nas próximas entradas do blog.
Búscamos correlacionar as distintas etapas vitais que experimentou dende os anos 70 ate a actualidade, e ver se é posible ou acertado facer un símil coa realidade vital que experimentou globalmente ao mesmo tempo o entorno rural no que se asenta, os Ancares.
A abril do ano 2011, o Albergue de Ancares segue ofrecendo os seus servizos a todos aqueles visitantes que queiran descubrir, desfrutar, coñecer e vivir o lugar, pero, ten asegurado a curto ou medio prazo a súa existencia? E difícil sabelo, intentaremos expoñer a realidade na que se encontra e poder obter conclusións futuras. Establecendo o símil, cabe analizar dende unha perspectiva global as mesmas posibilidades de futuro demográfico, sociocultural e socioeconómico para unha área rural de montaña galega, así o faremos.

A continuación, adxúntase o enlace dun artigo de hemeroteca do ano 1965 que fai alusión á costrución dun establecemento turístico na serra de Ancares:
http://hemeroteca.abc.es/detalle.stm