OS ANCARES, UN ESPAZO RURAL TRADICIONAL DE MONTAÑA QUE LOITA POLO SEU FUTURO.

Benvidos a todas e a todos!
Este blog reálizase ao abeiro dun pequeno traballo de investigación que se nos plantexa aos alumnos de "Xeografía Rural e as súas aplicacións" durante o 4º curso da licenciatura de Xeografía da USC.
No caso deste blog centrareime no entorno rural dunha das paraxes, ao meu parecer, máis bonitas e ricas paisaxística, culturais, ecolóxica e ambientalmente de Galicia, da Península Ibérica e de toda a fachada Atlántica Europea.
Sen embargo, os fortes procesos de cambios sociais, económicos, e demográficos experimentados no país durante o século XX provocan que os espazos rurais teñan que mudar estruturalmente e reinventarse para poder ser un territorio de oportunidade con futuro. O entorno dos Ancares, coas súas singularidades, non queda alleo a esta realidade.

Por iso, intentarase analizar a realidade dun espazo inigualable, e expoñer unha serie de propostas que manteñan un espazo sostible como o era 100 anos atrás.

Ademais, a discusión e o debate público e aberto, é o principal obxectivo desta pequena ventá, sempre dende o respecto e a riqueza que permiten a visión e opinión de todos aqueles axentes interesados polo rural e pola súa pervivencia, enriquecendo a fin que busca un traballo deste tipo.

Xa para rematar, facer fincapé en que a lingua utilizada no blog será o galego, lingua oficial do de Galicia xunto co español, e que pola realidade vital de uso que está a vivir cun perigo de extinción existente necesita do seu uso en tódolos medios e ámbitos; e internet e a ciencia son eidos claves nos que debe avanzar. Pero sobre todo, porque é a lingua maioritaria do medio rural galego, e particularmente, dos Ancares.

Non cabe dúbida que se respetará o uso de calqueira outra lingua, e que a xente poderá usar o idioma que crea convinte para expresarse.

Agardo que con isto aprendamos algo máis.

Un saúdo agarimoso.

Efrén.

viernes, 10 de junio de 2011

PASADO, PRESENTE E FUTURO. A ENTREVISTA I

As próximas dúas entradas serán a interesante entrevista realizada a Marcial, actual administrador do Albergue, despois de ter unha agradable conversa telefónica durante 40 minutos.

“O FUTURO DOS ANCARES PASA POR SER PARQUE NATURAL, PERO AS ADMINISTRACIÓNS TEÑEN ABANDOADO DENDE FAI 4 ANOS O LUGAR E EXISTEN MOITOS INTERESES PARA QUE NON O SEXA.”

 Marcial é natural de Lugo, ten 53 anos e o seu oficio é vitradista, (restaurar vidrieras). Dende o ano 1980 é socio do Clube de Montaña os Ancares de Lugo e dende o nadal do ano 2008 é o actual administrador do Albergue de Ancares. 

- ¿Cómo xorde a idea de coller o albergue como novo administrador?
No nadal do ano 2008 o albergue levaba pechado un mes e medio dende que o deixaran os últimos administradores (un matrimonio de Pontevedra) que tamén tiñas unha casa de turismo rural. Ao día seguinte de ter a tradicional cea de nadal coa directiva do clube, chamei a Alfredo (o presidente)  e lle comuniquei a idea de subir ao Albergue para rexentalo. Xurdiu así, de súpeto. Alfredo díxome que só alguén tan tolo coma min podía ter tomado esa decisión. A verdade e que para vivir e estar só, todo o ano aquí arriba tes que ter táboas e fortaleza psicolóxica. Son moitas as cousas que perdes ao cambiar dun modo de vida tan distinto; dun urbano coma Lugo a un tan illado coma os Ancares.

- ¿Cómo é a relación cos veciños do Lugar, de Degrada e Cabanas Vellas?
Na actualidade a relación é boa. Supoño que o carácter individual de cada un será importante neste sentido. É certo que a relación con moitos dos últimos administradores era tensa, non moi boa, ao mellor porque eran moi pechados ou por vir de entornos urbanos, e non sabían adaptarse á forma de ser da xente de aquí. Son xente moi aberta ao contrario do que se di, aínda que si é certo que teñen un carácter de desconfianza nun primeiro momento. Pero xa che digo, comigo boa, ata me traen leitugas e outros produtos de balde sen eu dicirlles nada. Ademais, debemos recordar que foron os veciños os que cederon máis de 10000 m2 de monte man común ao Clube onde agora se asenta o Albergue, a Aula de Natureza e o Miradoiro.

- ¿ Cómo é o perfil dos clientes do Albergue? (Idade, orixe, Status económico)
A maioría son de mediana idade, no rango entre os 30 e os 50. Proceden en case a súa totalidade das capitais de provincia e das cidades galegas; sobre todo da Coruña, Vigo e Ferrol, e tamén, nos últimos anos, de Ourense. Os que veñen de Lugo cidade non pernoctan, e turismo de un día pola proximidade, fan as rutas e marchan no mesmo día.
Tamén veñen turistas de outras comunidades do resto do Estado. Destacan os madrileños, leoneses, vascos e asturianos, e comparten a procedencia de medios urbanos cos anteriores. Diría que de forma xeral, o status económico dos clientes é medio, xa que moitos deles son funcionarios. É importante recordar, que nos primeiros anos, cando a idea De Fraga e do Ministerio de Información e Turismo era facer un Parador (o nome polo que os veciños lle chaman aínda hoxe a 50 km á redonda), a xente que aquí viña era dun status moi elevado, dende ministros, pasando por aristócratas ata grandes empresarios, todos claro, a cazar.

- ¿ Que tipo de turismo ou actividades turísticas buscan?
Penso que un 75% ven facer actividades de montaña (montañismo, esqui de fondo, rutas con raquetas de neve, rutas en btt, etc.) O restante penso que é turismo de relax e tranquilidade, para desconectar do extrés da cidade, desfrutando da tradición cultural de entornos coma este, por desgraza en extinción.

- ¿ En que épocas do ano hai máis demanda de ocupación e en cal menos?
Para nos a Tempada Alta é o Inverno, con diferenza. Moita xente ven en busca da neve e poder realizar actividades invernais (aínda que non se poda facer esquí alpino). Durante o verán, ao contrario do que podería parecer é cando menos ocupación temos, é a nosa Tempada Baixa, mentras que nas estacións intermedias a ocupación e unha media entre os máximos e os mínimos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario